Friday 03 de May de 2024

O II Premio 8 de marzo recae nas mans de Cáritas polo seu labor “desinteresado” para axudar ás persoas que máis o precisan


Coincidindo co Día Internacional da Muller, o Concello fixo entrega deste galardón, que se outorga tras as votacións dos veciños e veciñas a través da app Cuida Carral.

Polo seu labor “desinteresado e altruísta” para axudar ás persoas que máis o precisan. Ese foi o motivo que decenas de veciños e veciñas esgrimiron para elixir á entidade Cáritas como digna merecedora do II Premio 8 de marzo. Coincidindo co Día Internacional da Muller, o Concello acolleu, esta mañá, o acto central do 8M, que supuxo a lectura dun manifesto e a entrega deste galardón, co que se busca un dobre obxectivo: dar visibilidade e pór en valor o papel das mulleres do municipio.

Co 45,1% dos votos rexistrados a través da app Cuida Carral, Cáritas fíxose con este recoñecemento, no que quedaron finalistas as responsables do Bar Avelina e as mulleres panadeiras do pobo, entre outras candidaturas.

No acto, o alcalde, Javier Gestal, agradeceu o papel “fundamental que cumpren desde Cáritas no día a día á hora de axudar ás quen máis o precisa”. Pola súa banda, a representante de Cáritas deulle as grazas á veciñanza que, cos seus votos, “nos outorgaron este premio, que é tamén mérito de todas as persoas que formaron parte da entidade”.

Durante a lectura do manifesto, o rexedor sinalou o compromiso do goberno local “a prol da igualdade” e aproveitou a ocasión para facer lembrar ás mulleres que “están sufrindo as consecuencias do conflicto bélico en Ucrania”.

No acto gardouse, así mesmo, un minuto de silencio en memoria de todas as víctimas da violencia de xénero.